Máis de douscentos veciños e veciñas encheron o salón de actos do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro durante a celebración da cuarta edición do Concerto de Nadal da Aula de Música de Oroso. Un concerto diante dunha audiencia totalmente entregada e que disfrutou dun variado repertorio que incluiu tanto panxoliñas e cancións de nadal como música clásica e folk.
A diferenza do ano anterior, neste concerto non participaron os alumnos e alumnas de maior idade da escola, xa que actuarán nun concerto co gallo do entroido con varios grupos de pop, rock e percusión. O Concerto de Nadal comezou coa actuación dos pequenos de Música e Movemento que, apoiados polo coro da escola, interpretaron dúas panxoliñas para abrir boca. Acto seguido o alumnado interpretou varias pezas a trío de carácter camerístico, que deixaron ver o crecente nivel interpretativo que están a acadar os alumnos.
Finalmente chegou a gran sorpresa da noite: os combos infantís. O grupo chamado “Os troitamúsicos” interpretou temas de soul como “My girl” e “Stand by me”, de The Temptations e Ben E. King, respectivamente. Finalmente a orquestra e o coro da Aula de Música de Oroso interpretaron unha canción navideña de Gloria Stephan, unha panxoliña tradicional e outra popular irlandesa que arrancou os maiores aplausos do público.
O concerto estivo presidido polo concelleiro de Cultura, Luis Rey Villaverde, que estivo acompañado polas concelleiras de Benestar social e Ensino, Beatriz Rodeiro; Muller e Sanidade, María del Carmen Liste; e Réxime Interior, Vanesa Boo.